Friday 29 de March de 2024

O Pleno de Noia aproba investimentos na rede viaria e en servizos por máis de 416.000 euros


Aprobados como festivos locais en 2020 o 16 de xullo e o 24 de agosto

A Corporación de Noia aprobou este mediodía nunha sesión plenaria extraordinaria a participación do Concello na segunda fase do Plan de Obras e Servizos (POS+) Adicional de 2019. Este paso permitirá investir algo máis de 416.000 euros en catro proxectos de mellora da rede viaria e de servizos de saneamento e abastecemento. Recibiron o voto a favor do goberno (PP e NOIA), do PSOE e do BNG. O grupo da Marea Cidadá optou pola abstención.

A iniciativa con maior envergadura orzamentaria é a mellora e reparación da pavimentación entre Ponte San Francisco e San Breixo, á que se destinarán 149.363 euros. Séguelle a pavimentación do camiño de Becollo-Figueira-Vilaboa ata o límite municipal, valorada en 117.640 euros. Para a reparación da beirarrúa norte na AC-550 na zona do Obre, entre os números 2 e 26, resérvanse 94.734 euros. Finalmente, a mellora e reparación da pavimentación en Corral de Ousoño precisará 55.142 euros.

Pavimentación e servizos
O alcalde de Noia, Santiago Freire, explicou que non se trata unicamente de obras de pavimentación, senón que en varios dos proxectos aproveitarase para acondicionar e repoñer as canalizacións do servizo de saneamento, de recollida e evacuación de augas pluviais e do abastecemento de auga potable, segundo os casos. O rexedor precisou ademais que son proxectos que lles dan continuidade a iniciativas anteriores dentro da liña de traballo do executivo noiés de acometer actuacións integrais aínda que sexa por fases.

Os grupos da oposición coincidiron co goberno en que as obras aprobadas son necesarias, aínda que sinalaron que terían optado por outro tipo de proxectos, como investimentos en saneamento ou novos edificios públicos. Tamén cuestionaron que o Concello aproveitase o prazo da Deputación para presentar os proxectos.

Santiago Freire explicoulles que o goberno optou por incorporar os proxectos que máis se axeitan o plan provincial, cumprindo a condición de seren financeiramente sostibles e de contar coas autorizacións precisas. Sobre outras necesidades como a modernización da Praza de Abastos, a adecuación do servizo de saneamento ou a construción dun patio infantil cuberto, o alcalde reiterou que está xestionando a materialización dos proxectos con outras Administracións, mediante liñas de axuda ou a través de convenios de colaboración.

O rexedor agradeceu que a oposición recoñecese que nos últimos tres anos con el á fronte da Alcaldía se investiu na mellora da rede viaria máis que nos dez anos anteriores. “Poden dicir que é excesivo pero asegúrolles que non o é porque as pistas e estradas estaban como estaban, non se estropearon nestes tres anos, xa as melloramos e aínda queda moito por facer”.

Festivos locais
Por outra parte, a sesión plenaria aprobou incluír o 16 de xullo (Virxe do Carme, patroa da xente do mar) e o 24 de agosto (San Bartolomeu) como festivos locais no calendario laboral de 2020. O acordo tomouse cos votos a favor do PP, NOIA e o PSOE e coa abstención da Marea Cidadá e do BNG.